Bebidas enerxéticas


"Algunhas persoas manteñen un medo reverencial á información sobre as drogas. Como se dispor dunha información acertada sobre elas fose aumentar o consumo. A realidade é ben distinta. A información é un recurso necesario para tomar decisións intelixentes, informadas e autónomas ante calquera desafío. Os riscos reais proceden da ignorancia. Non hai escolla libre sen un saber acertado.

Unha sociedade máis culta, máis informada e mellor formada sobre as drogas será máis capaz de convivir nun mundo no que estas existen, reducindo o risco de establecer con elas relacións conflitivas"

Plan nacional sobre drogas.

Infórmate sobre as bebidas enerxéticas

Son produtos novos con sabor a caramelo, extremadamente doces, e que lembran a algún medicamento. Caracterízanse por "proporcionar vigor e estimulación" os nosos corpos. Estas bebidas xorden a finais dos anos 90 nos supermercados, centros comerciais, e nos locais nocturnos como unha alternativa para combinar con outras bebidas e como reconstituínte para "noites longas" ou para o día despois. Todo isto apoiado na referencia de estar compostas por infinidade de milagrosas vitaminas e baixo un formato e deseño moi atractivo que incita claramente a probalas e achegarse a elas.

Os seus compoñentes son carbohidratos, azucres sinxelos que achegan pouca enerxía, ó contrario do que se nos transmite (sacarosas, glicosas ou frutosa, e unha grande variedade de vitaminas do tipo (A, B6, B12, ou C) e como ingredientes esenciais, estimulantes naturais entre os que destacan:
TAURINA: aminoácido esencial que o propio corpo segrega en momentos de grande esforzo físico. Axuda a manter a eficiencia das funcións do corpo, a manter o benestar xeral e promove o incremento de enerxía en momentos de fatiga e á vez favorece unha rápida recuperación. A súa combinación coa cafeína, como a miúdo aparece nas bebidas enerxéticas, favorece que os seus efectos actúen de xeito máis rápido.
GINSENG: a medicina chinesa dá multitude de calidades a esta planta, entre as que destaca a de proporcionar enerxía e diminuír a sensación de fatiga, e eliminar a tensión e mellorar a memoria.
CAFEÍNA: é un compoñente presente no café, no cacao e noutras plantas. É un estimulante que permite aumentar o rendemento muscular e incrementar a utilización dos ácidos graxos como fonte de enerxía aforrando glicóxeno, e combatendo, mentres duran os efectos, o cansazo, e o sono. Induce sensacións de benestar e alerta.
GUÁRANA: planta da que se extrae a guaranina, que é unha substancia idéntica á cafeína. O guarana ten un maior contido en cafeína que o café e, ademais deste alcaloide, contén teobromina, outro estimulante, entre outras substancias.


Trátase de bebidas que non foron creadas para combinar co alcohol, ou mesturar con outras drogas, pero o seu uso festivo incorpórase á cultura nocturna, sen saber que os seus efectos ocultan os efectos do alcohol, ou que pode levarnos a beber máis e sufrir tamén deshidratación, sensacións de falsa seguridade e fortes resacas.
Un consumo excesivo pode provocar dores de cabeza, malestar intestinal, taquicardias, ansiedade, excitación cerebral, insomnio, tremores e depresión, crises de pánico, etc.

O perigo prodúcese cando combinamos con outras bebidas como xa dixemos, e cando se combinan con anfetaminas ou cocaína, producíndose así maiores probabilidades de hipertensión e derrame cerebral.
Outra combinación complexa é con éxtase.
O consumo de éxtase asóciase ás festas tipo "rave"e festas techno, eventos de longa duración, onde se baila toda a noite, etc.
Ao mesturalas e seguir movéndose, a persoa pode deshidratarse, podendo ter un aumento da temperatura corporal, ou lle pode producir graves e perigosas convulsións..

Lembra!

- O común (aínda que non o correcto) é tomar estas bebidas e alcohol, onde a cafeína promoverá a emisión de ouriños e o alcohol unha vasodilatación cutánea, provocando perda de auga e unha posible deshidratación.
- As bebidas enerxéticas non son un alimento ou comida, nin a substitúen, achegan pouca enerxía e cero graxas e proteínas. Para realizar un esforzo físico é necesario alimentarse correctamente e durmir ben.
- Non se poden considerar como prexudiciais para o organismo, o caso é que se se inxiren en exceso poden aparecer efectos secundarios.
- Non se deben tomar como hidratantes durante o exercicio e menos combinadas co alcohol.
- A mestura co alcohol pódenos conducir ó erro de sentirnos en condicións para conducir, cando en realidade ás nosas facultades están alteradas.

Consellos de interese

- Non confundir coas bebidas isotónicas (ricas en sales minerais).
- Aínda que non teñan alcohol, iso non supón que non poidan ser perigosas; a súa combinación co alcohol e/ou outras drogas é perigosa.
- O seu éxito radica na novidade do produto, nos seus "compoñentes aparentemente inocuos" na publicidade asociada á festa, ou ó deporte extremo, e á "enerxía que nos poden achegar" así como promocións existentes para introducilos non mercado, e a súa facilidade para atopalos (dispoñibilidade-accesibilidade).
- Diríxese principalmente á xente nova, aínda que caen tamén nas súas redes de mercadotecnia xente máis maior, habituais na noite e da marcha ata altas horas, tamén xente con longas xornadas de traballo, que buscan aquí un "empuxón".
- A polémica sobre a súa composición, ás súas altas dose de cafeína ou algúns ingredientes descoñecidos fannos máis interesantes e populares.

NUNCA DEBERÍAN DE CONSUMIR ESTAS BEBIDAS: - Embarazadas ou mulleres en plena lactación
- Persoas epilépticas
- Xente con risco ou con problemas de tipo coronario
- Nenas e nenos
- Diabéticas/os
- Persoas con certa sensibilidade á cafeína e a outros estimulantes
- Persoas con problemas de hipertensión, cardiovasculares ou con trastornos nerviosos