Consumo e drogodependencia


"Algunhas persoas manteñen un medo reverencial á información sobre as drogas. Como se dispor dunha información acertada sobre elas fose aumentar o consumo. A realidade é ben distinta. A información é un recurso necesario para tomar decisións intelixentes, informadas, autónomas, ante calquera desafío. Os riscos reais proceden da ignorancia. Non ha elección libre sen un saber acertado

Unha sociedade máis culta, máis informada e mellor formada sobre as drogas será más capaz de convivir nun mundo no que estas existen, reducindo o risgo de establecer con elas relacións conflitivas"

Plan nacional sobre drogas.

Consumo de drogas nos adolescentes

En xeral, o consumo de drogas ten efectos positivos para os adolescentes nun principio, xa que se senten desinhibidos, divírtense, non se cansan, achégase ao grupo e resúltalles máis doada a comunicación interpersoal. Ademais, non teñen que dar explicacións aos demais da súa actitude, mentres están baixo os efectos destas substancias. Non obstante, raramente caen na conta de que o consumo excesivo e continuado de drogas, ten, a longo prazo, efectos prexudiciais graves sobre a saúde; aparecen as enfermidades, a dependencia, a síndrome de abstinencia, a marxinación social, etc.

O que, nun principio, é considerado polo individuo como un instrumento controlable, para sentirse máis preto do grupo e compartir experiencias con iguais, pódese converter en causa dun proceso de marxinación, cando aumenta o consumo e converte ao usuario en drogodependente que sufrirá un rexeitamento social e o abandono daqueles que o apoiaban e animaban ao consumo.

É moi importante que os adolescentes aprendan a ver os distintos aspectos deste problema e a coñecer a cantidade de intereses que existen ao redor das drogas e o grande negocio que supón para moitas persoas. As drogas supoñen unha fonte de ingresos económicos tan forte para os gobernos, que é moi complicado seguir unha política dura de loita contra ela en todos os casos. O adolescente debe aprender a tomar as súas propias decisións e a enfrontarse aos problemas. El decidirá se quere rexeitar ou non o consumo de drogas. Todos, como educadores, debemos facer que os adolescentes desenvolvan unha resistencia fronte ás drogas e substancias que poden crear dependencia: existen e seguirán existindo no futuro, a forma correcta de convivir con todo isto é facernos resistentes. Como? A continuación daremos algúns datos da presenza do consumo de drogas nas relacións dos adolescentes:

Durante a adolescencia, existe unha importante asociación do tempo libre co consumo de certas substancias, especialmente o alcohol, e a facilidade para as relacións persoais. Está demostrado que máis do 70% do consumo de alcohol na xuventude, realízase durante as fins de semana e nos períodos de vacacións, xa que asocian a diversión con consumo de alcohol.
O tabaco é a droga máis consumida pola xuventude. Sábese que máis do 80% dos adolescentes a probou, aínda que gran parte deles pensa que pode deixalo cando queira e que non supón un perigo para a súa saúde.
O cannabis é a droga ilegal máis consumida entre os adolescentes. Case a metade dos adolescentes do noso país recibiu nalgún momento a oferta de fumarse un porro de haxix. Cos programas de prevención de tabaco, conseguiuse, en moitos casos, que o inicio de consumo sexa máis tarde, ou non se produza; non obstante descoidamos o consumo de haxix: hai moitos adolescentes que pensan que o tabaco é máis prexudicial que os porros, crea máis hábito, trae máis secuelas, etc.
É frecuente que os adolescentes se sintan por encima dos problemas que xera o consumo de drogas e digan que eles no se van enganchar e que por probar non lles vai pasar nada. Está demostrado que hai drogas, como a heroína, que xera tanta dependencia, que despois de ser consumidas máis de dez veces, xa poden ser problemáticas para os individuos.
Outro problema que se esquece con frecuencia é o da automedicación nos adolescentes. O consumo arbitrario de medicamentos pode ser causa de dependencia grave e cada vez aumenta máis o número de adolescentes que os toman para paliar estados de malestar, e incluso, para mellorar o seu aspecto físico.
É moi importante sinalar a gran influencia que exerce o grupo de iguais nestes momentos de inicio no consumo de drogas. A gran maioría dos adolescentes que se introducen no consumo de drogas legais ou ilegais (sobre todo cannabis), aducen estar motivados polo seu grupo. O consumo de drogas nesta etapa da vida é fundamentalmente colectivo. As drogas forman parte dos ritos para relacionarse socialmente e para sentirse parte integrante do grupo de iguais.

Drogodependencia

Existen múltiples definicións deste término, aínda que unha das máis utilizadas é a formulada pola Organización Mundial da Saúde (1964), na que se define a drogodependencia como: "Estado psíquico, ás veces físico, resultante da interacción dun organismo vivo cunha droga, caracterizado por un conxunto de respostas comportamentais que inclúen a compulsión a consumir a substancia de forma continuada, ca fin de experimentar os seus efectos ou, en ocasións, de evitar a sensación desagradable que ocasiona a súa falta. Os fenómenos de tolerancia poden estar ou non presentes. Un individuo pode ser dependente a máis dunha droga".