Cuestión de Lei


"Algunhas persoas manteñen un medo reverencial á información sobre as drogas. Como se dispoñer dunha información acertada sobre elas fose aumentar o consumo. A realidade é ben distinta. A información é un recurso necesario para tomar decisións intelixentes, informadas, autónomas, ante calquera desafío. Os riscos reais proceden da ignorancia. Non hai elección libre sen un saber acertado.

Unha sociedade máis culta, máis informada e mellor formada sobre as drogas será máis capaz de convivir nun mundo no que estas existen, reducindo o risco de establecer con elas relacións conflitivas"

Plan nacional sobre drogas.

1. Por que é un delito traficar con drogas?

Porque as drogas son prexudiciais para a saúde, e traficar con elas significa por en perigo a saúde dos demais. É polo tanto, un delito contra a saúde pública.


2. Que é un delito e que non?

É delito cultivar, elaborar, traficar e promover, favorecer ou facilitar dalgunha maneira o consumo de drogas ilegais. Tamén ter drogas destinadas ao tráfico ou a promover o consumo. *Non é delito o autoconsumo, nin ter ou comprar pequenas cantidades sempre que poidas demostrar que só son para o teu consumo. OLLO! (aí está o problema…)


3 É legal o autocultivo?

Como norma xeral considérase un delito xa que pode favorecer ou promover o consumo de drogas ilegais. Aínda así, quen cultivase de forma discreta pequenas cantidades para o seu consumo, non estaría promovendo o uso de drogas a terceiros…pero coidado cos cultivos e onde se fan…OLLO!


4 Hai riscos por comprar, tomar ou levar drogas?

Se te ven, está claro que si, hai condutas que aínda que non sexan delito pódense castigar con multas (lei Corcuera) establece multas dende 300,51 euros ata 30.050,61 por consumir drogas en lugares públicos, por tirar neses lugares as cosas usadas para consumilas ou por levar drogas que son para o propio consumo.


5 Como saben os tribunais se é para consumo propio ou para tráfico?

*Fíxanse nas probas seguintes:
- Se a persoa é consumidora ou non
- A cantidade
- Se estaba ou non escondida
- Se estaba dividida en doses
- Se había instrumentos para pesala ou dividila en doses.
- Se había produtos para cotarla ou adulterala.
- Se había grandes cantidades de diñeiro
- Outras…

6 As condenas por tráfico son iguais para todas as drogas?

Como o tráfico é un delito contra a saúde pública, a xustiza *distingue entre as drogas que son “moi prexudiciais para a saúde” e as que non o son tanto, e as condenas son diferentes para unhas e outras. Na práctica, as que non o son tanto son os derivados do cánnabis e nalgunhas sentencias algúns fármacos vendidos en pequenas doses no mercado ilegal. As consideradas moi prexudiciais son case todas as demais: éxtase, coca tripis, heroína, anfetaminas, speed, etc.


7 Cales son as condenas por tráfico?

Para as “moi prexudiciais” a pena é de 3 a 9 anos e unha multa de ata tres veces o valor da droga. Para as non tanto, de 1 a 3 anos e unha multa de ata o dobre do valor da droga.


8 ¿Que pasa si es menor de idade?

Non se aplica o código penal, senón unha lei específica que regula as responsabilidades penais dos menores de 18 años, con medidas que van dende as prestacións en beneficio da comunidade, a liberdade vixilada, e en casos o internamento nun centro de menores durante un máximo de 5 anos (centro pechado, aberto ou semiaberto) existindo a posibilidade se hai problemas de adición de ingreso nun centro terapéutico especial para drogodependentes.


9. Que son os agravantes, atenuantes e eximentes?

Pois as circunstancias que aumentan a condena, os que a rebaixan máis ou menos e as que a libran… Para o hachís e a marihuana, os agravantes poden subir a condena ata 4 anos e 6 meses (ou no peor dos casos a 6 anos e 9 meses para “traficantes” e casos de extrema gravidade. Para o resto de drogas, os agravantes poden subila ata 13 anos e 6 meses (19 anos para “narcos” ou casos moi graves)



Resumindo

Se no hai ningunha proba ou sospeita de tráfico e te pillan levando ou consumindo cantidades pequenas, poden quitarche a droga e poñerche unha multa de entre (300,51 a 450,76 euros). Para cantidades maiores, se aparte da tenencia de droga, non hai ningunha outra proba ou sospeita de tráfico e consegues demostrar que o que levas é o que consumes nun máximo de 3 a 5 días, todo quedaría nunha multa. Se se demostra que é máis do que consumes habitualmente en 3 ou 5 días, supoñerán que querías traficar e condenarante a prisión. Os tribunais para saber se a cantidade é superior ou inferior ao que se consume nun máximo de 5 días, valoran características de cada caso e outras sentencias, para ver o que consideraron como máximo.